Reflexionar, aprender e construír un mundo mellor.
No Día da Paz, na nosa biblioteca escolar queremos facer un espazo de reflexión e aprendizaxe sobre o que significa a paz e por que é tan importante en tempos en que en diferentes partes do mundo hai conflitos que afectan a moitas persoas.
A paz non só é a ausencia de guerra, senón tamén o respecto, a solidariedade e a convivencia entre as persoas e os pobos. Este ano, relacionamos o día con varios conflitos que están presentes na actualidade, para comprender mellor o que está a pasar no mundo e invitar ao alumnado a pensar en valores como o respecto, a empatía e a resolución pacífica de problemas.
Falamos de situacións como as que viven persoas en lugares como Gaza, Ucrania, Venezuela ou rexións de Congo, onde os conflitos xeraron inseguridade, sufrimento e grandes dificultades para as comunidades. Aprender sobre estes temas axúdanos a coñecer mellor o mundo no que vivimos, a valorar a importancia da paz e a pensar en pequenas accións que podemos facer desde o noso día a día para promover o respecto mutuo e a comprensión.
Cada ciclo do cole elaborou un mural relacionado con este tema, reflectindo ideas, mensaxes e imaxes que inspiran a convivencia, a empatía e a solidariedade. Estes murais mostran como o alumnado comprendeu a importancia da paz, a cooperación e a resolución pacífica de conflitos, e como podemos aportar o noso pequeno gran xesto para mellorar o mundo.
Porque a paz comeza en nós: con palabras de respecto, actitudes de comprensión e accións solidarias.
Ademáis, dende a biblioteca fixemos unha recopilación de contos sobre a paz, adaptados a cada ciclo, para achegar este tema ao alumnado dun xeito máis próximo e comprensible. A través destas historias, traballamos valores como o respecto, a amizade, a resolución pacífica de conflitos e a importancia de poñerse no lugar dos demais.






