xoves

 

Día Mundial do TEA: aprender, comprender e incluír.



No nosos centro quixemos conmemorar o Día Mundial do TEA (Trastorno do Espectro Autista) cunha actividade moi especial organizada polo Departamento de Orientación.

Levamos a cabo unha xincana de concienciación, na que o alumnado puido coñecer mellor as características e necesidades das persoas con TEA a través de diferentes probas e dinámicas. Foi unha experiencia enriquecedora que nos axudou a fomentar a empatía, o respecto e a inclusión.





Un dos aspectos máis destacados da actividade foi o papel do alumnado de 5º e 6º, que se converteu en protagonista ao explicar e guiar ao resto dos compañeiros e compañeiras ao longo da xincana. O seu compromiso e implicación fixeron desta xornada unha aprendizaxe compartida moi significativa.


 Na biblioteca tamén acompañamos esta celebración cunha selección de contos e materiais relacionados coa diversidade, para seguir aprendendo e reflexionando xuntos.

Porque comprender é o primeiro paso para incluír.




domingo

 



Versos de Rosalía para coidar o noso entorno



Na nosa biblioteca celebramos o Día da Poesía e de Rosalía de Castro (23 de febreiro) dunha maneira moi especial, unindo literatura e conciencia ambiental.

O alumnado de 3º participou nun fermoso recitado de fragmentos de poemas de Rosalía de Castro, nos que a natureza e a paisaxe teñen un papel fundamental. A través dos seus versos, puidemos reflexionar sobre a beleza do noso entorno e a importancia de coidalo e respectalo.

Esta actividade, ademais de achegarnos á figura dunha das escritoras máis importantes da nosa literatura, permitiunos conectar a poesía co noso proxecto anual sobre a protección do medio ambiente, descubrindo como as palabras tamén poden inspirarnos a actuar.

Foi un momento cheo de emoción, sensibilidade e respecto pola natureza, no que a biblioteca se encheu de voz, ritmo e sentimento.

Porque a poesía tamén pode axudarnos a construír un mundo mellor.










xoves

 


No Día Internacional da Muller, na nosa biblioteca escolar quixemos destacar o papel das mulleres nun ámbito fundamental: a protección e o coidado do medio ambiente .

Este ano, en relación co noso proxecto sobre o coidado do planeta, adicamos esta xornada a coñecer e valorar o traballo de moitas mulleres que loitan cada día por un mundo máis sostible: científicas, investigadoras, activistas e profesionais que contribúen a conservar a natureza e a mellorar o noso entorno.


Na biblioteca tamén preparamos unha selección de contos e libros relacionados coa igualdade e o medio ambiente, fomentando a reflexión sobre a importancia de construír un futuro máis xusto e sostible.

Como parte desta celebración, elaboramos un mural na entrada do centro, no que o alumnado plasmou ideas, mensaxes e imaxes relacionadas co papel das mulleres na defensa do medio ambiente. Esta actividade permitiunos reflexionar e expresar, de forma creativa, a importancia de coidar o planeta e de recoñecer o traballo das mulleres neste ámbito .

 Porque coidar do planeta tamén é cousa de todos e todas… e as mulleres teñen moito que dicir e facer!





Este ano celebramos o Entroido no noso centro dunha maneira moi especial! 
Como é tradición, seguimos as instrucións do  meco de Entroido,  relacionadas co noso proxecto anual sobre o coidado do medio ambiente . Cada día tivemos que levar posto o que nos indicaba. fomentando o uso de materiais reciclados e creatividade promovendo así o respecto e coidado do noso planeta.

Ademais, os disfraces do alumnado tamén estiveron inspirados neste tema: personaxes, elementos da natureza e ideas ecolóxicas que fixeron desta festa unha celebración divertida, colorida e consciente. 

A biblioteca converteuse nun espazo de aprendizaxe, imaxinación e conciencia ambiental, recordándonos que podemos gozar das tradicións ao mesmo tempo que coidamos o mundo que nos rodea.





 



No Día da Muller e a Ciencia, na nosa biblioteca queremos visibilizar o talento, o esforzo e as aportacións das mulleres na ciencia e a tecnoloxía. Este ano adicamos a conmemoración a Mª Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da área de tecnoloxía de alimentos na Universidade de Santiago de Compostela, que se converteu na primeira muller catedrática de Galicia nesta área e é directora da Cátedra Institucional do Pan e do Cereal.

Para dar a coñecer a súa historia, o alumnado elaborou un cómic que narra os momentos máis importantes da súa vida e carreira. A través desta actividade, descubrimos o esforzo, a perseveranza e a creatividade que levaron a Mª Ángeles Romero Rodríguez a destacar nun campo tradicionalmente dominado por homes, inspirándonos a seguir os nosos soños sen medo.

Animámosvos a achegarvos á biblioteca para descubrir o cómic, aprender sobre a súa historia e reflexionar sobre a importancia da igualdade e a presenza das mulleres na ciencia.

Porque todas as historias contan e todas as mulleres poden deixar a súa pegada na ciencia!


 


 

 

Reflexionar, aprender e construír un mundo mellor.


No Día da Paz, na nosa biblioteca escolar queremos facer un espazo de reflexión e aprendizaxe sobre o que significa a paz e por que é tan importante en tempos en que en diferentes partes do mundo hai conflitos que afectan a moitas persoas. 

A paz non só é a ausencia de guerra, senón tamén o respecto, a solidariedade e a convivencia entre as persoas e os pobos. Este ano, relacionamos o día con varios conflitos que están presentes na actualidade, para comprender mellor o que está a pasar no mundo e invitar ao alumnado a pensar en valores como o respecto, a empatía e a resolución pacífica de problemas.

Falamos de situacións como as que viven persoas en lugares como Gaza, Ucrania, Venezuela ou rexións de Congo, onde os conflitos xeraron inseguridade, sufrimento e grandes dificultades para as comunidades.  Aprender sobre estes temas axúdanos a coñecer mellor o mundo no que vivimos, a valorar a importancia da paz e a pensar en pequenas accións que podemos facer desde o noso día a día para promover o respecto mutuo e a comprensión. 

Cada ciclo do cole elaborou un mural relacionado con este tema, reflectindo ideas, mensaxes e imaxes que inspiran a convivencia, a empatía e a solidariedade. Estes murais mostran como o alumnado comprendeu a importancia da paz, a cooperación e a resolución pacífica de conflitos, e como podemos aportar o noso pequeno gran xesto para mellorar o mundo.

 Porque a paz comeza en nós: con palabras de respecto, actitudes de comprensión e accións solidarias.




Ademáis, dende a biblioteca fixemos unha recopilación de contos sobre a paz, adaptados a cada ciclo, para achegar este tema ao alumnado dun xeito máis próximo e comprensible. A través destas historias, traballamos valores como o respecto, a amizade, a resolución pacífica de conflitos e a importancia de poñerse no lugar dos demais.



 

venres



Coa chegada do inverno, a nosa biblioteca convértese nun lugar perfecto para acubillarse cun bo libro e deixar voar a imaxinación .

Preparamos unha selección de contos de inverno cheos de historias máxicas, aventuras en paisaxes nevadas, animais curiosos e momentos que nos fan reflexionar sobre a amizade, a solidariedade e a importancia de compartir. É o momento ideal para descubrir novas historias ou reler os vosos libros favoritos, sentados tranquilamente e disfrutando do espírito desta estación.

Animámosvos a visitar a biblioteca, escoller o voso conto favorito e mergullarse nun inverno cheo de aventuras entre páxinas .

Porque mesmo nos días máis fríos, un bo libro quenta o corazón.